Surfing the Lérez recolle seis toneladas de alimentos para Redeaxuda

233

Diversión e solidariedade van de man no festival Surfing the Lérez. A “entrada” a Illa do Cobo era unha doazón de alimentos ou produtos hixiénicos infantís (cueiros) para Redeaxuda e a xente respondeu con xenerosidade. Nesta edición recolléronse seis toneladas de alimentos, case dúas máis que o pasado ano o que fala do compromiso social dos participantes na romaría do rock&roll máis familiar de toda Galiza.

A xente seguiu as indicacións da organización do Surfing the Lérez e entregou os produtos demandados por Redeaxuda: cacao, azucre, café, leite, aceite, fiambre, galletas, conservas e cueiros da talla 5.

Coa semana comezará o reparto do recollido entre as organizacións de Redeaxuda que atenden as necesidades básicas de persoas e familias: Cáritas, Comedor San Francisco, Calor e Café, Rexurdir provincial, Meniños, Club de Leones e Fundación Amigos de Galicia.

As doazóns foron recollidas a longo da tarde do venres e todo o sábado por unha vintena de voluntarios, entre eles do programa Erasmus +, e persoal da Concellería de Benestar Social. Para o traslado dos alimentos recollidos no Surfing até á Casazul contouse este ano coa nova furgoneta doada pola Caixa a Redeaxuda. Foi o seu primeiro servizo.