REGULAMENTO DO PROGRAMA MUNICIPAL DE VOLUNTARIADO SOCIAL

142

CAPITULO PRIMEIRO
Disposicións xerais

O voluntariado social está unido á idea da acción solidaria, desinteresada, e a preocupación polo benestar colectivo da sociedade na que se vive. A participación da cidadanía na vida política, económica, cultural e social é unha aspiración propia de calquera sociedade moderna e democrática.

Esta participación constitúe un compromiso que deben cumprir os poderes públicos, que se atopan compelidos a facilitar e promover as condicións necesarias para facer efectiva a devandita participación.

Así, en paralelo a evolución da Comunidade Económica Europea, creouse o Consello de Europa que ten como obxectivo principal o de favorecer o progreso económico e social dos seus membros. Con esta finalidade o Consello de Europa conclúe tratados e convenios entre os que cabe destacar a Carta Social Europea.

A Carta Social Europea propón no seu artigo 12 estimular a participación das persoas no ámbito individual na acción e o mantemento dos servizos públicos do estado de benestar.

A Constitución Española, no seu artigo 9.2, di que corresponde aos poderes públicos facilitar a participación de toda a cidadanía na vida social e remover os obstáculos que a dificulten.

A Lei autonómica 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, ten por obxecto a ordenación e o fomento da participación solidaria e altruísta da cidadanía nas actividades de acción voluntaria organizadas por entidades de acción voluntaria ou directamente pola Administración autonómica ou pola Administración local para o desenvolvemento de programas concretos.

No contexto actual de crise financieira e económica pode observarse como unha oportunidade nun debilitado Estado do Benestar, non para eximir ao Concello do seu deber de garantir o dereito dos cidadáns ao benestar, senón para complementar, ampliar e mellorar as iniciativas necesarias para acadar unha mellor calidade de vida colectiva.

Esta participación social vese consolidada cando as persoas e os grupos nos que se integran desenvolven por si mesmos, e dunha forma totalmente libre, altruísta e solidaria, actuacións que procuran o benestar social e a mellora da calidade de vida da comunidade. A solidariedade, o altruísmo e o compromiso coa vida comunitaria son valores profundamente arraigados na tradición social e cultural galega como se amosou con desastres como o do Prestixe. Cando estas actuacións deixan de ser un acto illado e espontáneo, e pasan a efectuarse nun marco institucional organizado e mediante entidades creadas ad hoc, é cando ten lugar o desenvolvemento dunha acción voluntaria.

A acción voluntaria é manifestación explícita da conciencia solidaria da cidadanía e fortalece a convivencia democrática e debe ser, como xa queda dito, promovida polos poderes públicos. Son estes os que teñen a responsabilidade de crear as estructuras e o soporte legal preciso que posibilite, dende a liberdade, que a sociedade civil interveña no desenvolvemento de actividades e de sectores de interese xeral e mais na consecución dos intereses públicos mediante a acción voluntaria.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente Regulamento ten como obxectivo o de regular a acción e o contido do Programa Municipal de Voluntariado Social no Concello de Pontevedra, definindo tanto o procedemento de incorporación como a desvinculación dos voluntarios/as.

2. Este Regulamento tamén ten como obxectivo a promoción do Voluntariado Social que se exerza neste concello.

3. A este Regulamento quedarán acollidos todos os Programas Municipais de Voluntariado Social que poidan ser definidos polas diferentes áreas de xestión municipal (servicios sociais, cultura, xuventude,…).

4. O seu ámbito de aplicación é o termino municipal de Pontevedra, e será de aplicación a toda a actividade cualificada de Voluntariado Social.

5. Quedan excluídas da aplicación deste regulamento os programas, proxectos ou actuacións desenvolvidos no termo municipal do Concello de Pontevedra por outras organizacións públicas ou privadas aínda que teñan sido financiadas total ou parcialmente polo concello.

Artigo 2. Concepto de Voluntario Social y de Voluntariado Social.
1. Considérase voluntario social toda persoa física maior de idade, ou menor con autorización de pais/nais ou titores, e que por decisión propia, sen mediar obrigación ou deber, vincúlase ás actividades incluídas nos diferentes Programas Municipais de Voluntariado Social.

Artigo 3. Marco Legal da acción voluntaria en Galicia.
1. Enténdese por acción voluntaria a realizada por persoas físicas como resultado da súa participación social organizada no desenvolvemento de ac¬tividades de interese xeral a través de entidades de acción voluntaria, sempre que reúnan as seguintes condicións:

1.1. Que se trate dunha decisión libremente adoptada e non sexa causa dunha obriga ou dun deber xurídico.
1.2. Que se execute fóra do ámbito laboral, profesional, funcionarial ou mercantil ou de calquera outro tipo de relación retribuída.
1.3. Que a acción voluntaria se leve a cabo sen contraprestación económica, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos que esta acción poida ocasionar ou dos recoñecemen¬tos que correspondan.
1.4. Que se leve a efecto en función de programas concretos, xa sexan promovidos por calquera das entidades de acción voluntaria ou polas administracións públicas de Galicia.

2. Recoñécense como persoas voluntarias, con todos os dereitos e as obrigas recollidas nesta lei, as persoas que sen estar adscritas a entidades de acción voluntaria colaboren en programas de acción voluntaria especificamente organizados polas administracións públicas no ámbito das súas competencias.
3. As persoas menores de idade poderán participar en programas e proxectos de volun-tariado especificamente adaptados ás súas características, mediante autorización expresa de seus pais, dos seus titores ou da institución que os teña ao seu cargo, con respecto en todo caso á vontade da ou do menor.
A acción voluntaria non poderá en ningún caso substituír as prestacións a que estean obrigadas as administracións públicas ou outras entidades, o traballo remunerado ou a prestación de servizos profesionais retribuídos.

Artigo 4. Principios orientadores da acción voluntaria. A acción voluntaria desenvolverase consonte os principios de:

1. Participación, promovendo o desenvolvemento dun tecido asociativo propio, desde o pleno recoñecemento da autonomía funcional ao pluralismo da propia acción voluntaria.

2. Implicación e participación da cidadanía na consecución dos intereses públicos.

3. Solidariedade, altruísmo e gratuidade da acción que se desenvolve, excluíndose a procura ou o aproveitamento dun beneficio material.

4. Liberdade persoal e respecto do pluralismo e das opcións persoais das persoas vo-luntarias e das persoas destinatarias da súa acción.

5. Colaboración e complementariedade entre as entidades de acción voluntaria e as administracións públicas.

Artigo 5. Sectores de actuación da acción voluntaria contemplados neste regulamento.

1. Para os efectos deste regulamento, considéranse incluídas dentro do ámbito da acción volunta¬ria a realización de actividades de interese xeral vinculadas coa acción social e o benestar social, as de natureza sociosanitaria, de defensa dos dereitos humanos, da infancia, das persoas con discapacidade, da efectividade dos dereitos en condicións de igualdade das mulleres, educativas, de cooperación ao desenvolvemento, de loita contra a pobreza e as situacións de vulnerabilidade social.

2. A acción voluntaria organizada non poderá en ningún caso substituír actividades que estean a ser desenvolvidas por medio do traballo remunerado ou servir para eximir as administracións públicas de lle garantir á cidadanía prestacións ou servizos que esta teña recoñecidos como dereitos fronte a aquelas.

CAPITULO SEGUNDO
Estatuto do Voluntariado Social no Concello de Pontevedra

Artigo 6. Dereitos das persoas voluntarias.
1. Ser tratadas sen ningún tipo de discriminación con respecto da súa liberdade, dignidade, intimidade e crenzas.
2. Ser informadas e formadas, particularmente en materia de prevención de riscos, e a desenvolver a actividade voluntaria nas condicións de seguranza, hixiene e saúde que a súa natureza e características reclamen.
3. Dispoñer dunha acreditación identificativa expedido polo Concello de Pontevedra da súa condición de persoa voluntaria que conterá os datos persoais e identificativos e mais a denominación do programa ou dos programas nos que desenvolva a actividade voluntaria.
4. Recibir información, formación, asesoramento e o apoio técnico, así como os medios materiais que requira o exercicio das actividades e das tarefa que se lles asignen.
5. Participar activamente nos programas de acción voluntaria na que se integren, colaborando na planificación, o deseño, a execución e a avalia¬ción dos programas nos que participen.
6. Acordar libremente co Concello de Pontevedra o contido e as condicións da súa actividade voluntaria, o ámbito de actuación, a definición das tarefas, o tempo e o horario de dedicación, o lugar de desenvolvemento e as responsabilidades que van asumir, podendo variar as súas características se o permiten as circunstancias da entidade.

7. Estar aseguradas mediante póliza de seguro, así o Concello de Pontevedra subscribirá unha póliza de seguro que cubrirá os riscos derivados da acción das persoas voluntarias, tanto a responsabilidade civil derivada das súas actuacións coma os accidentes que poidan sufrir, cando estas participen en progra¬mas ou proxectos que se organicen polo concello.
8. Ser reembolsadas ou compensadas polos gastos realizados no desenvolvemento das súas accións voluntarias nos termos previamente acordados co concello.
9. Recibir certificación da súa participación nos programas e proxectos de acción vo-luntaria, na que se expresen, polo menos, a súa natureza e as datas nas que se realicen, para que o devandito certificado se remita ao Rexistro de Acción Voluntaria para os efectos de poderen acreditar o seu historial de experiencias na acción voluntaria.
10. Obter o cambio de programa asignado cando existan causas que o xustifiquen, dentro das posibilidades do concello.
11. Renunciar libremente, logo de aviso, á súa condición de persoa voluntaria.
12. Os demais deberes establecidos polo resto do ordenamento xurídico.

Artigo 7. Deberes das persoas voluntarias.
1. Realizar a súa actividade consonte os principios establecidos neste regulamento e no Compromiso de colaboración (art. 10.3 do presente regulamento).
2. Observar as medidas de saúde e seguranza que se adoptasen.
3. Gardar a debida confidencialidade sobre a información recibida e coñecida no desenvolvemento da súa actividade voluntaria, tendo en conta a Lei de protección de datos de carácter persoal.
4. Actuar de forma dilixente, coordinada, responsable e solidaria no desenvolvemento da actividade voluntaria, realizando a súa actividade voluntaria consonte as normas e os principios establecidos na normativa reguladora, e colaborando co concello e co resto de persoas voluntarias na consecución da maior eficacia e calidade nos programas e nos obxectivos que se leven a cabo.
5. Participar nas actividades formativas que se entendan necesarias para un desen-volvemento axeitado da acción voluntaria.
6. Respectar os dereitos das persoas destinatarias da súa acción voluntaria e das demais persoas voluntarias coas que colaboren.
7. Cumprir os compromisos adquiridos coa entidade na que se integren, respectando os fins, os obxectivos e a normativa interna.
8. Rexeitar calquera contraprestación que poidan recibir pola súa actividade.
9. Utilizar debidamente a acreditación identificativa da súa condición de persoa volun-taria e os distintivos do concello, así como proceder á súa devolución cando finalice a actividade.
10. Coidar e facer bo uso dos recursos materiais que poña á súa disposición o concello.
11. Notificar ao concello a renuncia coa antelación previamente acordada, a prol de que poidan adoptarse as medidas necesarias para evitar prexuízos para a actividade na que participen.
12. Os demais deberes establecidos polo resto do ordenamento xurídico.

CAPITULO TERCEIRO
Procedemento de Incorporación do Voluntario/a social

Artigo 8. Solicitude de incorporación.

As persoas que desexen formar parte do Programa Municipal de Voluntariado Social deberán cubrir a ficha de solicitude que se lle facilitará no servizo de benestar social (oficina que se instalará na Casazul do Concello de Pontevedra), onde constarán os datos persoais (sexo, idade, etc) e os intereses, dispoñibilidade horaria, etc

Artigo 9. Entrevista co coordinador/a do Programa Municipal de Voluntariado Social.

Unha vez recibida a ficha de solicitude, será convocado para unha entrevista. Nesta entrevista o voluntario/a exporá os motivos polos que desexa formar parte do Programa Municipal de Voluntariado Social do Concello de Pontevedra, as súas preferencias e será informado sobre os programas nos que se pode adscribir e as tarefas a realizar, así como dos dereitos e deberes da persoa voluntaria.

Artigo 10. Admisión do solicitante.

1. O equipo de traballo do Programa Municipal de Voluntariado Social decidirá unha vez realizada a entrevista co solicitante a súa incorporación, tendo en conta os seguintes criterios.

1.1. Situación do proxecto ou actividade no que a persoa desexa incorporarse.

1.2. Dispoñibilidade de tempo do solicitante e as necesidades do proxecto ou actividade en materia de tempo.

1.3. Aptitudes do voluntario/a social en relación cos citados proxectos ou actividades.

2. Non se esixirá ao voluntario/a social ningunha cualilficación especial para o desempeño das actividades que se promovan pero si, unhas actitudes mínimas en relación con elas.

3. Asinarase por parte do voluntario/a e o equipo de traballo correspondente un Compromiso de colaboración co seguinte contido:

3.1. A aceptación do carácter altruísta da relación que se acorde e da actividade que se comprometa a realizar a persoa voluntaria.
3.2. A suxeición ao réxime legal da acción voluntaria.
3.3. A especificación dos dereitos e dos deberes de ambas partes.
3.4. A identificación da persoa responsable do programa no que a persoa voluntaria desempeñará a súa actividade.
3.5. A enumeración dos programas, dos proxectos ou das actividades específicas que a persoa voluntaria se compromete a realizar, así como o tempo de dedicación e a duración do compromiso.
3.6. A información sobre a posibilidade de acreditación das prestacións efectuadas.
3.7. A fixación do prazo de antelación co que a persoa voluntaria lle deberá comunicar ao cancello a súa renuncia ao compromiso.
3.8. A formación necesaria para o desenvolvemento de programas, proxectos ou activida¬des específicas.
3.9. O establecemento dos mecanismos de control e supervisión da actividade de acción voluntaria.
3.10. A obriga de confidencialidade dos datos persoais e información á que teñan acceso no desempeño da actividade de acción voluntaria.
3.11. As causas que motivarían a exclusión da persoa voluntaria e a escisión do vínculo coa entidade de acción voluntaria na que colabora. Para acordar a exclusión será sempre necesario seguir un procedemento escrito no que quede asegurada a audiencia á persoa interesada.

CAPITULO CUARTO
Organización do Programa Municipal de Voluntariado Social

Artigo 11. Seguimento das actividades do voluntarios/as.

Dende o momento da incorporación do Voluntario/a social iniciarase un proceso de seguimento co obxectivo de:

1. Avaliar a consecución dos obxectivos descritos para cada proxecto e actividade.

2. Determinar o correcto desenvolvemento da acción voluntaria.

3. Se é o caso, aportar información complementaria ao Voluntariado Social en torno ao desempeño da súa actividade.

4. No seu caso redefinir a estratexia de actuación para un mellor desempeño da mesma.

O proceso de seguimento concluirá cunha fase avaliativa ao final da acción na que o coordinador da campaña xunto co Voluntario/a social valorarán o proxecto ou a actividade realizada.

No senso de facer un seguimento global da acción voluntaria, crearase unha Comisión de seguimento, que se reunirá unha vez ao ano, e que estará formada polo responsable político do Concellaría de Benestar Social e polos responsables políticos e técnicos das áreas do concello no que se desenvolve acción voluntaria.

Artigo 12. Formación dos voluntarios/as.

Naqueles casos nos que o desempeño da actividade voluntaria requira dunha formación especializada, esta correría a cargo do equipo de traballo onde o voluntario/a realice a súa actividade.

Artigo 13. Desvinculación do voluntario/a.

A desvinculación do voluntario/a co Programa Municipal de Voluntariado Social realizarase nos seguintes casos:

1. Renuncia do voluntario/a.

2. Incumprimento por parte do voluntario/a dos compromisos adquiridos conforme ao establecido no presente regulamento e no Compromiso de colaboración.

3. Perda por parte do voluntario/a, das actitudes necesarias para o desempeño da actividade elixida.

4. Imposibilidade por parte do concello de dar unha ocupación efectiva ao voluntario/a ou de continuar co desenvolvemento do proxecto ou actividade no que está adscrito. Unha vez tales circunstancias sexan superadas, o voluntario/a poderá desempeñar o proxecto ou actividade solicitada.

5. Inhabilitación do voluntario/a para o exercicio de cargos públicos por sentenza xudicial firme.

Calquera que sexa a causa que determine a baixa do voluntario/a social ocasionará a perda de todos os seus dereitos como voluntario/a.

O voluntario/a poderá reincorporarse ao Programa Municipal de Voluntariado Social sempre e cando se teñan superado as circunstancias polas que, no seu momento, se produciu a desvinculación co programa mencionado.

Artigo 14. Organización interna do Programa Municipal de Voluntariado Social.
Conforme a Lei 10/2011, do 28 de novembro de 2011 (DOG 21 de decembro de 2011), o Programa Municipal de Voluntariado Social debe:
1. Redactar anualmente unha memoria e un plan de actividades.
2. Levar un libro-rexistro interno de altas, baixas e outras incidencias nas que se poi¬dan atopar as persoas voluntarias, con especificación dos programas e os proxectos nos que colaboran e a natureza das actividades que desenvolven.
Solicitarase, unha vez esté posto en marcha o Programa Municipal de Voluntariado Social do Concello de Pontevedra, que este sexa inscrito no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia (este rexistro configúrase como un órgano único e público que asume as funcións de cualificación, inscrición e certificación).

CAPITULO QUINTO
Promoción do Programa Municipal de Voluntariado Social

Artigo 15. Dar a coñecer o Programa Municipal de Voluntariado Social.

Dende o Concello de Pontevedra impulsarase este programa a través de diferentes campañas informativas para que toda a cidadanía pontevedresa coñexa a existencia deste programa municipal.

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA

Este Regulamento entrará en vigor no prazo dos quince días seguintes a súa públicación no Boletín oficial da Provincia unha vez transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

COMPARTIR